Monday 20 de May de 2024

A Escola de Música Tradicional do Concello de Lousame consolidase co aumento de alumnado


Co apoio do Executivo local, a Asociación Son do Pote imparte dúas clases semanais de gaita, percusión e pandeireta para un grupo de 20 persoas
A Escola de Música Tradicional do Concello de Lousame está a consolidarse no municipio, sumando xa unha vintena de alumnos e alumnas que todos os martes acoden ás clases de Fernando Docampo na Casa de Cultura municipal. Na actualidade, as sesións son moi personalizadas, posto que a pandemia da Covid-19 obrigou a reducir os aforos nas aulas.
Así, os membros da asociación O Son do Pote, impulsora desta iniciativa, repártense en grupos de catro alumnos e alumnas para aprender a crear música con instrumentos tradicionais galegos. Se ben, cando a situación o permita poderán volver a ensaiar como agrupación e tamén manterán as clases máis persoais de gaita, percusión e pandeireta que tanto éxito están a ter durante esta pandemia.
A concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, sinala que “para o Concello de Lousame é un honor contar cunha escola de música tradicional coma a do Son do Pote. Sen dúbida, apoiarémolos en todo o que precisen”. Pola súa banda, o docente responsable, Fernando Docampo, apuntou que as clases comezaron “en Tállara fai sete anos e agora decidimos facer clases máis individualizadas, tanto de gaita como percusión tradicional. E o Concello apoiounos totalmente na creación desta escola”.
Finalmente, o presidente de O Son do Pote, Francisco Valiño, explica que “neste momento pola pandemia non podemos facer actuacións, que é unha das partes que máis desfrutamos posto que nos permite viaxar e levar a nosa música máis alá da nosa comunidade”, polo que agora están centrados nestas clases.
O Son do Pote empezou a impartir estas clases hai sete anos, se ben foi a creación da Aula de Lousame da UNED Sénior a que permitiu o crecemento desta escola, coa entrada do músico Fernando Docampo como profesor. A inquietude deste alumnado deu pé á creación da agrupación e a creación da escola municipal de música tradicional, posto que unha sesión semanal lles parecía insuficiente. Dende o Concello de Lousame apostaron por apoialos a través dunha subvención económica e cederlles o espazo da Casa da Cultura para impartir as clases, que teñen lugar todos os martes pola tarde.
A matrícula para inscribirse nesta escola está aberta durante todo o ano, se ben este ano dada a situación derivada da pandemia do coronavirus non hai xa prazas dispoñibles. O obxectivo, de calquera xeito, é que a escola continúe crecendo e consolidándose no municipio.